Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o noso centro levou a cabo unha actividade moi especial que implicou ao alumnado de todas as etapas educativas. Baixo o nome “Lecturas adaptadas”, realizouse unha proposta para facer accesible o conto A que sabe a lúa?, converténdoo nunha experiencia creativa, participativa e aberta á diversidade.
O profesorado Eva (Inglés), Diego (Expresión Artística, Plástica e Visual) e Isa (Pedagoxía Terapéutica) lideraron esta iniciativa, animando ao alumnado a explorar o conto a través de distintos formatos e linguaxes. Grazas á súa coordinación, o proxecto combinou creatividade, accesibilidade e traballo cooperativo.
Dentro desta actividade, o alumnado de Secundaria desenvolveu unha tarefa fundamental:
-
Utilizou Inkscape para deseñar as personaxes do conto e a lúa.
-
A continuación, coa cortadora láser dos Polos Creativos, preparou estas figuras para cortar en materiais manipulables e empregalas posteriormente na mesa de luz.
Estes recursos permitiron achegar o relato a través de elementos visuais e táctiles, facilitando a comprensión e o goce da lectura para todo o alumnado.
O conto traballouse tamén en inglés, castelán e con pictogramas, promovendo a comunicación en diferentes códigos e garantindo unha participación plena na actividade. Ademais, elaboráronse xogos inclusivos inspirados na historia, todos eles creados polos propios estudantes e polos profes.
A proposta forma parte das accións da Biblioteca Escolar e dos Polos Creativos, reforzando o compromiso do centro cunha educación innovadora e accesible para todas as persoas.
Queremos destacar o importante labor do Departamento de Orientación, impulsando a sensibilización en torno á inclusión educativa e contribuíndo a que esta experiencia se converta nun verdadeiro exemplo de escola aberta, diversa e en igualdade.
“Lecturas adaptadas” recórdanos que cada persoa aprende dunha maneira única e que garantir a accesibilidade enriquece a convivencia e fortalece os valores da nosa comunidade educativa.





















