miércoles, 3 de diciembre de 2025

Lecturas para tod@s

 Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o noso centro levou a cabo unha actividade moi especial que implicou ao alumnado de todas as etapas educativas. Baixo o nome “Lecturas adaptadas”, realizouse unha proposta para facer accesible o conto A que sabe a lúa?, converténdoo nunha experiencia creativa, participativa e aberta á diversidade.

O profesorado Eva (Inglés), Diego (Expresión Artística, Plástica e Visual) e Isa (Pedagoxía Terapéutica) lideraron esta iniciativa, animando ao alumnado a explorar o conto a través de distintos formatos e linguaxes. Grazas á súa coordinación, o proxecto combinou creatividade, accesibilidade e traballo cooperativo.

Dentro desta actividade, o alumnado de Secundaria desenvolveu unha tarefa fundamental:

  • Utilizou Inkscape para deseñar as personaxes do conto e a lúa.

  • A continuación, coa cortadora láser dos Polos Creativos, preparou estas figuras para cortar en materiais manipulables e empregalas posteriormente na mesa de luz.

Estes recursos permitiron achegar o relato a través de elementos visuais e táctiles, facilitando a comprensión e o goce da lectura para todo o alumnado.

O conto traballouse tamén en inglés, castelán e con pictogramas, promovendo a comunicación en diferentes códigos e garantindo unha participación plena na actividade. Ademais, elaboráronse xogos inclusivos inspirados na historia, todos eles creados polos propios estudantes e polos profes.

A proposta forma parte das accións da Biblioteca Escolar e dos Polos Creativos, reforzando o compromiso do centro cunha educación innovadora e accesible para todas as persoas.

Queremos destacar o importante labor do Departamento de Orientación, impulsando a sensibilización en torno á inclusión educativa e contribuíndo a que esta experiencia se converta nun verdadeiro exemplo de escola aberta, diversa e en igualdade.

“Lecturas adaptadas” recórdanos que cada persoa aprende dunha maneira única e que garantir a accesibilidade enriquece a convivencia e fortalece os valores da nosa comunidade educativa.
























 

domingo, 16 de noviembre de 2025

Con pouco… podemos ter moito ✨

Ás veces pensamos que para facer actividades motivadoras e significativas necesitamos materiais complexos ou custosos. Pero hoxe queremos compartir un exemplo que demostra todo o contrario.

Este recurso está feito únicamente cun folio plastificado e unhas sinxelas pinzas da roupa decoradas. Nada máis. Un material elaborado por nós, pensado con cariño, intención educativa… e con infinitas posibilidades de traballo.

Na imaxe podedes ver como, con algo tan básico, o alumnado pode:

  • Contar e asociar número-cantidade.

  • Traballar a motricidade fina ao colocar e retirar as pinzas.

  • Reforzar a atención e a discriminación visual.

  • Autonomía e autocorrección, xa que poden comprobar por si mesmos se coinciden número e representación.

  • Xogo manipulativo.







sábado, 25 de octubre de 2025

Musical Tracing Maps

O alumnado da Unidade de Educación Especial amosoulles ao alumnado de 4º de Educación Primaria como realizan eles os seus musical tracing maps, compartindo unha experiencia inclusiva, enriquecedora e divertida para todos e todas.

Un musical tracing map (ou mapa de trazado musical) é unha actividade na que os nenos e nenas seguen cun dedo, un lapis ou mesmo co corpo unha liña ou un percorrido mentres escoitan música. Esa liña pode subir, baixar, facer curvas ou zigzags, e está pensada para reflectir o movemento da melodía, o ritmo ou a dinámica da música.

Realizar esta actividade co alumnado é beneficioso porque:

  1. Desenvolve a escoita activa

    • Axuda a relacionar o que se escoita co que se ve e se fai.

    • Mellora a capacidade de identificar cambios na música (agudo/grave, forte/suave, rápido/lento).

  2. Favorece a coordinación ollo–man e a motricidade fina

    • Seguir liñas con precisión fortalece o control do trazo, útil tamén para a escritura.

  3. Conecta a música co visual e co corporal

    • Permite “ver” a música de forma concreta.

    • Implica varios sentidos, o que facilita a aprendizaxe e a memoria.

  4. Estimula a creatividade

    • O alumnado pode inventar os seus propios trazados segundo o que escoitan.

    • Poténciase a expresión persoal sen necesidade de usar palabras.

  5. Promove a atención e a autorregulación

    • Para seguir o mapa, os nenos e nenas deben concentrarse e manter o ritmo.

miércoles, 15 de octubre de 2025

🏴‍☠️ Unha mensaxe pirata escondida na area!

 

Esta mañá, cando entramos na aula, algo nos chamou moitísimo a atención…

No medio da clase había unha misteriosa caixa chea de area de praia e cunchas brillantes 🐚✨.

Ao remover a area con coidado, empezaron a aparecer letras desperdigadas por todas partes 😮🔤. Non había dúbida: era unha mensaxe pirata!

Convertémonos en auténticos aventureiros 🧭, buscando cada letra coma se fosen pequenos tesouros escondidos. Pouco a pouco, xuntámolas enriba da mesa e comezamos a ordenar o código secreto… Ata que, por fin, a mensaxe empezou a revelarse ante os nosos ollos 😲📜.

Foi un momento cheo de emoción, intriga e moita diversión. Agora xa non temos dúbida: os piratas estiveron aquí!!! 🏴‍☠️🗺️💰











domingo, 12 de octubre de 2025

👓 Explorando novos mundos coa realidade virtual

A semana pasada, o alumnado participou nunha sesión moi especial nos Polos Creativos, na que a tecnoloxía e a aprendizaxe vivencial foron as grandes protagonistas. Foi unha experiencia chea de emocións, descubrimentos e momentos únicos que todos e todas disfrutaron intensamente.

Esta sesión estivo centrada nas gafas de realidade virtual. Ao poñelas, cada estudante mergullouse nun escenario completamente novo: paisaxes cheas de cor, movemento e sons que lles fixeron sentir coma se estivesen dentro doutra realidade. 

A actividade permitiulles experimentar sensacións novas, desenvolver a capacidade de observación e vivir unha aprendizaxe inmersiva e moi motivadora. 







sábado, 4 de octubre de 2025

🌈 Traballando as emocións na Unidade de Educación Especial co Emocionario

 

🌈 Traballando as emocións na Unidade de Educación Especial co Emocionario

Este curso decidín introducir unha nova ferramenta na Unidade de Educación Especial: o Emocionario. Trátase dun recurso marabilloso que nos axuda a poñer nome ao que sentimos, a explorar diferentes emocións e a reflexionar sobre elas dun xeito próximo e visual.

Na nosa aula, moitas veces as emocións aparecen con intensidade e, ás veces, custa identificalas ou expresalas con palabras. Por iso pensei que comezar a traballar co Emocionario sería unha excelente maneira de crear un espazo seguro para falar, recoñecer e xestionar o que sentimos.

Comezamos traballando a emoción da ternura. Primeiro fixemos unha lectura sobre esta emoción e reflexionamos a partir dalgunhas actividades xa elaboradas que atopei na rede, adaptándoas ao noso grupo. A continuación, fixemos un círculo de palabra, no que cada persoa puido participar expresando ideas, experiencias ou situacións nas que sentira ternura. Foi un momento moi bonito e enriquecedor, no que todos e todas puideron achegar a súa visión.

O meu obxectivo é que o Emocionario se converta nun recurso cotián, presente nas rutinas diarias, e que sirva tanto para previr conflitos como para acompañar os procesos persoais do noso alumnado.

Déixovos por aquí algunhas fotos traballándoo na aula, para que poidades ver unha pequena mostra do proceso.

 




domingo, 8 de junio de 2025



Os nosos alumnos presentan os Polos Creativos ao alumnado Erasmus+: unha xornada de innovación e aprendizaxe compartida

O pasado mércores vivimos unha xornada chea de inspiración no noso centro! Un grupo de alumnos foi o encargado de amosar aos participantes do programa Erasmus+ todo o potencial dos Polos Creativos, espazos pensados para fomentar a creatividade, a innovación e o traballo colaborativo.

Durante a actividade, os nosos estudantes presentaron diversos materiais e proxectos realizados empregando ferramentas como cortadora láser, kits de robótica e placas electrónicas. Os visitantes tiveron a oportunidade de ver de preto como se aplica a tecnoloxía na aula, interactuar cos dispositivos e intercambiar ideas co noso alumnado.

A resposta foi moi positiva: houbo curiosidade, preguntas, aprendizaxe mutua e, sobre todo, moita ilusión por parte de todos e todas. Esta experiencia puxo en valor o traballo que se está a facer nos Polos Creativos e reforzou o espírito de colaboración internacional que caracteriza ao programa Erasmus+.










miércoles, 19 de marzo de 2025

PERLAS MOTESSORI

HOXE MULTIPLICAMOS COAS PERLAS MOTESSORI 

Vantaxes de usar Perlas Montessori na multiplicación

Aprendizaxe manipulativa: O neno toca e move os obxectos, o que facilita a comprensión.

Visualización clara: As perlas permiten ver a estrutura da multiplicación de xeito claro e ordenado.

Fomenta a autonomía: O material Montessori está deseñado para que os nenos aprendan a través da súa propia experimentación.

Mellora a confianza: Ao entender o concepto antes de memorizar as táboas, os nenos séntense máis seguros coas matemáticas.