domingo, 8 de marzo de 2026

8M

Estes días o noso centro conmemorou o Día Internacional da Muller (8M) cunha actividade desenvolvida na Biblioteca do colexio, que se converteu nun espazo de investigación, reflexión e creatividade. O alumnado da Unidade de Educación Especial participou nesta proposta, coordinada por Marcial (Pt) e Isa (Pt). 

A actividade desenvolveuse a través dunha pequena investigación guiada na que o alumnado consultou información nas tablets da biblioteca, investigando sobre diferentes mulleres que deixaron pegada na historia en ámbitos como a ciencia, a literatura, a arte ou a defensa dos dereitos.

Ademais da procura dixital, tamén se empregaron recursos bibliográficos da biblioteca, como os libros Mulleres de ciencia e As mulleres nas matemáticas, que permitiron coñecer mellor o papel de moitas mulleres que contribuíron ao avance do coñecemento e da sociedade.

·         Investigamos sobre mulleres que deixaron pegada:

A partir desta procura de información, o alumnado completou fichas sobre distintas mulleres destacadas, como Marie Curie, Jane Goodall, Frida Kahlo, Clara Campoamor, Malala Yousafzai ou Rosalía de Castro, investigando aspectos básicos da súa vida e reflexionando sobre por que foron importantes.

Esta actividade permitiu traballar habilidades de busca de información, comprensión e síntese, ao tempo que se visibilizaban referentes femininos en distintos ámbitos.

·         Mural colaborativo: “As mulleres deixan pegada”:

Para finalizar a actividade, o alumnado participou na creación dun mural colaborativo titulado “As mulleres deixan pegada”.

Na parte central do mural colocáronse as fichas elaboradas sobre estas mulleres referentes, mentres que nas partes lateraris cada alumno e alumna deixaron a pegada da súa man, na que escribiron os nomes das mulleres importantes das súas vidas (nais, avoas, profesoras, irmás...), poñendo en valor o papel fundamental que moitas delas teñen no día a día.

O resultado foi un mural colectivo que combina investigación, reflexión e expresión persoal, recordándonos que moitas mulleres, tanto coñecidas como próximas, deixan unha pegada importante na sociedade e nas nosas vidas.







jueves, 12 de febrero de 2026

💶 Aprendendo co diñeiro

 Na aula traballamos o uso do diñeiro dunha forma moi práctica e divertida. A través de moedas e billetes de euro, o alumnado puido manipular, contar, clasificar e realizar pequenas compras simuladas.

 

Os obxectivos da actividade son:

 

Recoñecer moedas e billetes.

 

Diferenciar os seus valores.

 

Practicar o reconto e as sumas sinxelas.

 

Desenvolver habilidades de autonomía para a vida diaria.

 

Utilizamos materiais visuais e manipulativos, como láminas con imaxes de moedas, billetes e moedas de xoguete, etiquetas de prezos e xogos de “tenda”. Isto facilita a comprensión e mantén a motivación do alumnado.

 

Ademais de traballar contidos matemáticos, reforzamos:

 

A atención

A motricidade fina

A comunicación e a toma de decisións.












miércoles, 4 de febrero de 2026

A división

 

A división con material manipulativo: aprender facendo

A división é unha das operacións matemáticas que máis custa comprender ao alumnado de primaria. Moitas veces preséntase de forma abstracta, con números e algoritmos, pero sen unha base concreta que lles permita entender que significa realmente “dividir”. Aquí é onde o material manipulativo se converte nun gran aliado.

Que é a división, en realidade?

Antes de falar de contas, é importante lembrar que dividir é repartir en partes iguais ou facer grupos iguais. Se o alumnado non entende isto, o algoritmo tradicional convértese nunha serie de pasos para memorizar sen comprensión.

Por que usar material manipulativo?

O material manipulativo permite:

  • Visualizar a cantidade total

  • Experimentar o reparto

  • Comprobar resultados por si mesmos

  • Aprender desde a experiencia, non só desde a memoria

Cando os nenos e nenas tocan, moven e reparten obxectos, están construíndo o significado da división.